Tuesday 30 de April de 2024

Feijóo sinala que a lei de economía social fomenta a creación de cooperativas e outras fórmulas de asociación simplificando os trámites e facilitando o seu financiamento


Xesgalicia abrirá unha liña de financiamento de 5 millóns de euros para reforzar as estruturas destas entidades, especialmente no eido rural

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou o Proxecto de lei de economía social, que fomenta a creación de cooperativas e outras fórmulas de asociación simplificando os trámites e habilitando liñas de financiamento específicas que complementen as que xa existen.

Para facer máis sinxelo o papeleo, Feijóo adiantou que se está a elaborar unha aplicación informática que permitirá facer todos os trámites do rexistro desde a casa. Para facilitar o seu financiamento, promoveremos instrumentos como programas de microcréditos e fondos de capital risco, como unha nova liña de 5 millóns de euros impulsada por Xesgalicia que permitirá reforzar as estruturas das entidades da economía social, especialmente no eido rural.

Ademais, como recalcou, esta lei céntrase no impulso unha figura que pensamos que debemos potenciar: a cooperativa xuvenil. Esta regulación completa as liñas de axudas (de ata 15.000 euros) que xa se viñan convocando desde 2014 para fomentar este tipo de emprendemento. O texto reduce ata 300 euros o capital social mínimo para que mozas e mozos de entre 16 e 29 anos formen unha cooperativa —nos casos ordinarios é de 3.000 euros— e permite que se constitúan en documento privado, o que lles permite aforrar gastos notariais.

Mellora a súa representación
A Lei de economía social mellorará tamén a representación das entidades que forman este sector: cooperativas, sociedades laborais, asociacións e fundacións con actividade económica, comunidades de montes veciñais en man común (unha achega singular desta Lei), confrarías de pescadores, sociedades agrarias de transformación, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Con este fin, segundo dixo Feijóo, elaborarase un catálogo no que se recollan as 7.000 entidades que engloba a economía social.

Un dos obxectivos da lei é o impulso de estruturas representativas e de presenza institucional, tal e como explicou o presidente. Para isto prevé a creación do Consello da Economía Social de Galicia, formado por 26 membros, entre representantes da economía social, da Xunta de Galicia, dos sindicatos, das organizacións empresariais, da Fegamp e das Universidades galegas.

As funcións deste Consello da Economía Social serán as seguintes: elaborar estudos, informes e propostas; formular propostas de incorporación ou exclusión no catálogo de entidades de economía social; promover e dinamizar a cooperación empresarial; colaborar na integración da economía social nas políticas públicas de creación de emprego, de fomento do emprendemento e de desenvolvemento local e rural; e velar pola promoción e pola axeitada aplicación dos principios da economía social e da Lei.

Ademais, estableceranse mecanismos de coordinación entre entre este novo organismo e o Consello galego de cooperativas e facilitarase a presenza da economía social noutros entes coma o Consello Económico e Social, o Consello Agrario Galego, e no Consello Galego de Economía e Competitividade.

Fomentar o seu carácter social
O terceiro grande obxectivo da Lei é o fomento do carácter social das entidades ás que vai dirixida. Por unha banda, segundo indicou o xefe do Executivo galego, inclúe medidas para propiciar que se coñezan e valoren, como a introdución da economía social nos plans de estudos.

Por outra banda, implantaranse medidas para estimular estas entidades e os seus valores sociais. Así, favorecerase que participe nas políticas activas de emprego e promoverá a introdución de cláusulas sociais que favorezan a participación destas entidades na contratación pública.

Feijóo indicou que este Proxecto de lei, comeza a súa tramitación parlamentaria, tras recibir 12 alegacións e obter o visto e prace do Consello Económico Social. En definitiva, o texto recoñece o peso das 7.000 entidades que existen en Galicia vinculadas a este sector; facilita o seu financiamento; e introduce a economía social na educación pública.